Friday 17 de May de 2024

O Concello licita dúas novas rotondas para mellorar a seguridade na avenida de Fisterra e os dous ascensores de Pintor Villar Chao


As obras das glorietas nos cruzamentos de Gútemberg e Gambrinus, cofinanciadas con fondos Next Generation, permitirán remodelar o circuíto de tráfico rodado nunha das principais vías de acceso á cidade, facilitando a entrada e saída ao polígono de Agrela

O Concello da Coruña licitou este venres as obras de construción de dúas novas rotondas entre a avenida de Fisterra e as rúas Gútemberg e Gambrinus, no perímetro exterior do polígono de Agrela, así como a instalación de dous novos ascensores na rúa Pintor Villar Chao, situada entre os barrios do Castrillón e A Gaiteira. Son tres das 17 intervencións que, a finais de abril, obtiveron financiación estatal a través da segunda convocatoria dos fondos Next Generation.

A creación das novas rotondas na avenida de Fisterra responde ao compromiso asumido polo Goberno de Inés Rey para reordenar o circuíto de tráfico rodado entre O Ventorrillo, A Silva e o polígono de Agrela, concretamente en dous cruzamentos onde é necesario reforzar a seguridade vial, os que conectan a avenida coas rúas Gútemberg e Gambrinus.

Neste sentido, entre a avenida de Fisterra e Gútemberg construirase unha nova rotonda de 29 metros de diámetro, con dous carrís de 4,5 metros cada un e un arcén de 0,5 metros.
Haberá dous carrís de entrada e saída desde a avenida de Fisterra, mentres que cara á rúa Gútemberg haberá un en cada sentido. Esta intervención será practicamente idéntica á que se levará a cabo entre a avenida de Fisterra e Gambrinus, coa disposición dunha glorieta ideada cunhas dimensións moi similares.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou hoxe a relevancia destas intervencións, “que permitirán reforzar a seguridade peonil e mellorar a circulación rodada”. Ademais, aproveitando os traballos, remodelaranse as beirarrúas e crearanse novos pasos peonís na contorna. “En sintonía con todas as actuacións urbanísticas que estamos a executar na cidade, as novas beirarrúas e pasos peonís serán máis accesibles”, recalcou a rexedora.

Para construír as dúas novas rotondas, o Concello levará a cabo un investimento total de 785.000 euros —394.480 euros destinados á glorieta entre a avenida de Fisterra e Gútemberg; e 390.575 euros na que substituirá o cruzamento coa rúa Gambrinus—. Os traballos terán un prazo de execución de seis meses en ámbolos casos.

Novos ascensores entre as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes

Por outra banda, e tamén este venres, o Concello da Coruña autorizou a saída a licitación dos traballos para instalar dous novos ascensores que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Pintor Villar Chao e Juan Montes, entre os barrios da Gaiteira e o Castrillón.

O primeiro dos ascensores, ubicado na zona de menos cota, salvará un desnivel de tres metros, desde a cota da calzada e ata o descansillo de maior tamaño, onde está situado o acceso aos portais residenciais dos números 12 e 13 de Pintor Villar Chao. E o segundo dos elevadores salvará a diferencia entre este descansillo e a rúa Juan Montes, un desnivel de aproximadamente catro metros.
“O obxectivo é facilitar o acceso ás persoas con mobilidade reducida, cunha alternativa que complementará á escalinata que hai actualmente entre Pintor Villar Chao e Juan Montes.

Polas propias características do barrio, con fortes pendentes, é unha obra necesaria e que permitirá mellorar a accesibilidade e a mobilidade nun punto de tránsito peonil habitual, por estar conectado coa avenida de Oza”, expuxo hoxe Inés Rey.

Luz verde ás melloras de accesibilidade na contorna do Centro Oncolóxico
Tamén esta semana, o Concello aprobou a licitación das obras incluídas no proxecto para mellorar a accesibilidade na rúa Doutor Camilo Veiras, promovidas polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reurbanizar a contorna do Centro Oncolóxico Rexional atendendo á normativa vixente e reforzando a seguridade peonil.

Desta forma, está previsto que neste punto se acometa a ampliación das beirarrúas e tamén da calzada, para permitir o cruzamento simultáneo de dous vehículos e facilitar a circulación de ambulancias e autobuses urbanos. Para levar a cabo esta ampliación será necesario executar a demolición de parte do noiro axardinado pertencente ao Centro Oncolóxico Rexional, así como a construción dun muro de granito para a contención de terras.

En paralelo, tamén está previsto instalar unha nova rede de saneamento de augas pluviais, coa colocación de oito pozos de rexistro conectados entre si con tubaxes de PVC de 315 mm. Ademais, tamén se habilitarán novos sumidoiros ao longo de toda a rúa, para facilitar a recollida de augas. Os sumidoiros en cuestión estarán conectados coa rede a través de tubos de PVC de 200 mm., máis seguros fronte a hipotéticas fugas.

Por outra banda, e aproveitando a intervención, executarase a renovación do sistema de iluminación pública na contorna do Centro Oncolóxico Rexional, substituíndo as actuais luminarias ornamentais e os báculos existentes por novos dispositivos LED, máis eficientes no referente ao aforro enerxético.

A este respecto, unha vez que se adxudiquen os traballos e comecen as obras, está previsto que a intervención estea executada nun prazo de catro meses.
Dez dos 17 proxectos con fondos Next Generation están en fase de licitación
O Goberno de Inés Rey avanzou este verán na tramitación dos 17 proxectos cofinanciados con fondos Next Generation. Do cómputo de intervencións previstas, entre finais de agosto e esta mesma semana licitáronse dez actuacións, repartidas entre os barrios dos Mallos – A Sardiñeira, Agra do Orzán, Monte Alto, O Castrillón, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e o polígono de Agrela, cun valor conxunto de 7,8 millóns de euros.
Xa a semana pasada, en Xunta de Goberno Local, o Concello avanzou na licitación das melloras de accesibilidade previstas entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán; e, por outra banda, a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.

Días atrás, tamén en Xunta de Goberno Local, aprobouse a licitación das obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira e as rúas Pla y Cancela, Padre Sarmiento e San Mateo; así como diversas melloras de accesibilidade en once paradas de autobús da cidade.